2. A CARÓN DO POBO

Moncho Valcarce dedicou a súa vida á defensa dos máis necesitados, situándose sempre ao seu carón. Resulta difícil atopar un enfrontamento no campo, na época da transición, na que os labregos non o chamaran para apoialos, xa fose contra o caciquismo ou contra unha administración aínda con reminiscencias franquistas, ou contra a construción de encoros ou contra a usurpación dos montes veciñais, etc. De tal xeito, Moncho convertiuse, por méritos propios, no referente carismático daquelas loitas agrarias -das que expoñemos aquí as máis emblemáticas- sofrindo por iso detencións malos tratos, multas e marxinación eclesiástica.

 

                                                   

2.1 As Encrobas

Esta pequena parroquia do concello de Cerceda protagonizou unha longa loita contra a empresa Fenosa cando pretendeu expropiar as súas terras para a construción da mina de lignitos, que hoxe invade o que un día foi un fértil val. Moncho implicouse totalmente na defensa dos labregos chegando a ser coñecido en toda Galiza como o “cura das Encrobas”. Sucedéronse as mobilización dos veciños e os actos de solidariedade por toda Galiza. O punto álxido desta loita chegou, o 15 de febreiro de 1977, cando a empresa decidiu ocupar as terras dos labregos, que só puido facelo despois dunha forte confrontación dos viciños coa garda civil e cando aqueles foron detidos e baixados do monte un a un.

Ver video

2.2 Baldaio

Neste caso unha empresa conseguiu unha licenza para explotar a marisma de Baldaio utilizándoa para a extracción de area, coa conseguinte destrución da súa riqueza ecolóxica e piscícola. Esto levou á mobilización dos veciños dos lugares afectados co apoio das forzas políticas e sindicais nacionalistas, e que tivo a súa máxima resposta o 8 de maio de 1977 nunha manifestación de varios miles de persoas polas rúas de Carballo, para logo baixar a ocupar a praia ocasionando un duro enfrontamento coa garda civil no que se deu en chamar “a batalla de Baldaio”.

Ver video

2.3 Xove

Fronte ás intencións de Fenosa de instalar unha central nuclear en Xove, na provincia de Lugo, no ano 1977 ergueuse todo un movemento antinuclear que mediante marchas de Viveiro a Xove, manifestacións e outras actividades logrou paralizar tal pretensión.



2.4 As Enchousas

Foi este un caso típico de actuación caciquil, pola que o arrendador abusando da ignorancia lexislativa dos labregos arrendatarios, pretendeu botalos das súas terras comezando pola destrución dunha casa co apoio da garda civil, onde Moncho cos seus donos e varios veciños alí refuxiados intentaron resistir aturando as balas de goma e botes de fume cos que lles forzaban saír para, ao final, ser detido xunto con varios labregos.

A partires de entón, sucedéronse as manifestacións de apoio aos veciños por parte das CC. LL. e a solidariedade de traballadores de Ferrol para restituír a casa derribada.


Ver video

2.5 A cota empresarial

Sen dúbida, foi a maior mobilización labrega, da época da transición, protagonizada polas CC. LL. en protesta por unha contribución inxusta que se cobraba aos labregos galegos como si foran empresarios. As manifestacións sucedéronse, concluíndo nunha magna concentración no pavillón dos deportes de Lugo na que se acordou unha folga de tres días, en decembro de 1977, na que miles de tractores ocuparon as principais vilas galegas, entrando posteriormente en varias cidades.

Moncho deixou ouvir a súa voz en Ordes “Nós, os nacionalistas galegos, homenaxeamos ao agrario Basilio Álvarez aquí, loitando”.


Ver video